![]()
O vindeiro sábado 16 de xaneiro ás 22:30 vaise inaugurar no Museo do Mar de Galicia en Vigo a exposición De la mer, de la mer do artista Baltazar Torres. Esta exposición estará aberta ata o 15 de abril de 2010.
![]()
O vindeiro sábado 16 de xaneiro ás 22:30 vaise inaugurar no Museo do Mar de Galicia en Vigo a exposición De la mer, de la mer do artista Baltazar Torres. Esta exposición estará aberta ata o 15 de abril de 2010.

Ata finais deste mes de decembro está aberta no Aquarium Finisterrae a exposición "Historia do principe e a sardiña". Organizada polo Aquarium en colaboración co Musée Océanographique de Mónaco e coa participación e patrocinio do Museo do Mar de Galicia, esta exposición recolle materiais e fotos inéditas das expedicións que en 1886 e 1909 fixo o Principe Albert I de Mónaco a Galicia e Portugal para estudar a pesca da sardiña.
Albert I, fundador da Oceanografía, chegou ás nosas costas para estudiar a sardiña debido a que na década de 1880 desaparecera por completo das costas bretonas causando un gravísimo prexuízo á economía de Bretaña.
Esta desaparición da sardiña en Bretaña axudou ao despegue da conserva galega, do complexo mar-industria en Galicia, e tivo unha enorme repercusión no desenvolvemento do tecido industrial da costa.
Daquelas campañas quedan unhas interesantísimas fotografías inéditas que mostran o inicio da pesca industrial en Galicia, e tamén o final dalgúnhas tipoloxías de barcos de pesca a vela, como o que podedes ver na foto de arriba, posiblemente un volanteiro do Son, aparellado con vela de relinga nos seus dous paus.
Paga a pena unha visita ao Aquarium porque as fotos están reveladas en gran formato, o que permite observar moitos detalles nelas que raramente se viron anteriormente.
Estas viaxes deron lugar a publicacións científicas sobre a sardiña e a súa pesca, por exemplo La pêche de la sardine sur les côtes d'Espagne (en francés) que recolle as características da pesca co cedazo ou cerco real de Maristany na Coruña.
Fotos do Principe Albert I, os seus barcos e os seus intrumentos de investigación pesqueira
Fotografias da exposición en El País
![]()
A VIII Exposición Modelama, de modelismo, vai estar aberta ata o 9 de xaneiro vindeiro na Sala de Exposicións Antonio Rivas Briones, en Vilagarcia.
Esta exposición, organizada pola Asociación de Modelistas de Arousa, conta con máis de 200 obras de modelistas de catro paises.

O vindeiro venres 11 de decembro ás 20:00 h vaise inaugurar no Museo do Mar de Galicia a exposición No grande azul do fotógrafo José Romay. Esta exposición estará aberta ata o 14 de marzo de 2010.
José Romay gañou o concurso Primeira Bolsa de Creación Fotográfica: O Mar, organizado polo Museo e o Centro de Estudios Fotográficos de Vigo. A bolsa conlevava unha axuda para a realización do proxecto, a exposición e un libro co seu traballo que se vai editar dentro das coleccións do CEF.
Romay embarcou no arrastreiro Cantábrico Tres para recoller as vivencias dos mariñeiros nunha marea no Gran Sol, gracias á colaboración da Cooperativa de Armadores de Vigo e da Asociación de Armadores de Buques de Pesca do Gran Sol.

Está aberta ata o 28 de febreiro na Fundación CaixaGalicia na Coruña a exposición Unha mirada de antano, con case 600 fotografías de Galicia feitas por Ruth Matilda Anderson en 1924 e 1926.
Ruth M. Anderson foi enviada á Galicia pola Hispanic Society de Nova York para fotografiar elementos culturais e humanos que caracterizaran a Galicia, e tamén para comprar fotografía de outros autores que coincidise cos obxectivos da viaxe. Percorreu moitos pobos e vilas tanto da costa como do interior usando todo tipo de transportes.
Da súa estadía en Galicia quedaron case 6000 fotografías de moita calidade artística pero sobre todo cun enorme valor documental. A fotógrafa escolleu como tema moitos elementos da cultura galega que estaban en trance de desaparecer debido á modernización do pais que se producíu nos anos vinte e trinta. Xunto coas fotografías tamén deixou moitas anotacións documentando con detalle cada unha delas.
O mar está entre os temas escollidos, tanto no aspecto puramente pesqueiro ou de tráfico de mercancias e persoas, como en elementos constructivos como portos, faros e sobre todo casas mariñeiras.
A foto de arriba é de Esteiro, onde podedes ver galeóns e pataches varados coa marea baixa, a seguinte é sacada no Ézaro e nela podedes ver un grupo de mulleres traendo á terra a arte, e a última está sacada no porto de Vigo e nela podedes ver dúas dornas mecas do Grove, e o que parece unha pequena traineira.
Paga a pena unha visita demorada á exposición, pola calidade intrínseca das fotografias e sobre todo pola cantidade de información que nelas hai, pensade que están reveladas nun formato bastante grande. Esta exposición xa estivo en Lugo e logo da Coruña visitará outras cidades galegas.

Do 22 de novembro ao 8 de decembro vai estar aberta no Liceo de Bouzas a III Mostra de Modelismo Naval AMONAGA 2009, que está organizada pola Asociación de modelistas navais de Galicia, AMONAGA.
Os días laborables estará aberta de 16:30 a 22:00 h e os festivos e fins de semana de 10:00 a 22:00 h.
O vindeiro sábado ás 18:00 h haberá unha conferencia de Manuel Pérez, maquetista invitado, e outra o día 5 de novembro a cargo de Juan Olivencia.
Máis información no Faro de Vigo.

O vindeiro día 24 de novembro vaise inaugurar no Museo do Mar a exposición Navegando no Beagle. Darwin.
Unha exposición que achegará a loxística das expedicións científicas dos séculos XVIII e XIX, e, nomeadamente, a segunda viaxe do Beagle onde un rapaz chamado Darwin sería quen de recabar a información necesaria para formular a súa hipótese sobre a orixe das especies. A exposición contará cos seguintes alicerces:
1. Os antecedentes das exploracións científicas (Cook, Laperousse, Malaspina)
2. Darwin e o seu entorno familiar
3. Fitzroy, capitán do Beagle, meteorólogo, cartógrafo e gran responsable da preparación do buque
4. A viaxe do Beagle: percorridos en terra, percorridos marítimos, loxística de envíos, toma de datos e recollida de mostras
5. A análise da información
6. A formulación da súa hipotese e consecuencias
7. Sabemos todo sobre a evolución?
A mostra contará cun tratamento excepcional dos gravados realizados na expedición, programas multimedia específicos así como a presenza de dúas réplicas do Beagle (unha de 6 metros ) xunto con pezas e mostras de gran calidade.
Na Aixola, en Marín, está aberta a exposición A innovación nos oficios do mar. Organizada polo CETMAR, que forma parte do proxecto “Galicia e as ciencias do Mar”, coordinado polo CETMAR e financiado pola dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria.
O proxecto “Galicia e as ciencias do Mar” ten entre os seus obxectivos difundir o coñecemento das ciencias do mar e das súas aplicacións. Esta iniciativa de divulgación do CETMAR ofertou tamén actividades aos centros de ensino de Galicia a través da súa web que permite acceder a unha selección de recursos didácticos para explicar as ciencias do mar.
O horario da exposición é de 09:00 a 14:00 e de luns a xoves de 16:00 a 19:00 e estará aberta ata o día 20 de novembro.
Dentro da Semana do Atlántico 2009 organizada por Caixanova e o RC Náutico de Vigo, está a aberta a exposición Historia da construcción naval en Galicia, que conta coa colaboración de Aclunaga.
A sede da mostra é o Centro Social Caixanova (rúa Policarpo Sanz, Vigo), e estará aberta ata o 1 de novembro.
Esta exposición fai un percorrido polo traballo dos dous grandes nucleos do naval galego, Vigo e Ferrol, adicando un espazo a cada gran estaleiro. A mostra conta con imaxes e maquetas cedidas polas empresas e pola Armada e que permiten ver a evolución da construcción naval do século XVIII ata os últimos barcos contruidos.
Como parte das actividades da Semana vai estar presente no porto de Vigo desde o 17 ao 25 de outubro o Hidria II que poderá ser visitado polo público nas dúas fins de semana.
Comentarios recentes
hai 12 horas 9 min
hai 1 día 14 horas
hai 1 día 20 horas
hai 1 semana 16 horas
hai 1 semana 1 día
hai 1 semana 1 día
hai 1 semana 5 días
hai 1 semana 6 días
hai 2 semanas 19 horas
hai 2 semanas 20 horas